Puta libidinosa,
que fa-lo morto eternamente...
Mónica Góñez
O caso de Fisterra é ben particular. Non só porque os apoios -e polo tanto os votos- ao Partido Popular van a máis, senón porque este non corresponde ao incondicional e profundo amor que a nosa vila sinte por el. Inda que algúns aspetos da xestión do goberno municipal poderían ser vistos con bós ollos (neste intre non se me ocorre ningún, pero achaquémolo á miña memoria) os que estamos atentos á política local oservamos unha enorme desidia por parte do Concello no que respeta a moitos eidos fundamentais para a Vila do Cristo.
Xa non se trata, por dicilo dalgún xeito, de que as cousas se fagan mal, senón que sinxelamente non se fan. O goberno liderado por José Manuel Traba cada ves se asemella máis aos últimos anos do goberno de D. Valentín, político coñecido pola súa desidia, entre outros moitos defetos. O problema é que desta volta comeza a vislumbrarse, ademais dunha apatía case endémica, unha xestión abandonada aos intereses particulares -e alleos a nós- que poden ser perigosos para a vila.
A destrución de zonas de importancia natural, paisaxística e cultural ven sendo unha das constantes destes anos que o señor Traba leva no goberno. Alén diso, a diferencia da cor política da Xunta nestes últimos anos fixo que a administración autonómica nos tivese bastante abandonados. Quizais é un dos poucos aspetos positivos que podo atopar na vitoria eletoral de Alberto Núñez Feijóo o pasado 1 de marzo: que quizais agora vexamos un maior entendemento entre o noso Concello e os políticos de San Caetano.
Así e todo, non debemos esquecer que a situación desastrosa de zonas como a Anchoa tivo como contrapunto a atuación do goberno de Touriño, que chegou a pleitear ó Concello de Fisterra no que ás licencias respeta. Agora que vai gobernar Feijóo, xa non haberá quen se opoña a esta política desastrosa que ven de arruinar o pouco que quedaba das dunas da Langosteira e que converteu á Anchoa nun niño de obras de dubidosa salida e peor organización urbanística e visual.
O último ato deste drama que semella non ter fin está protagonizado pola finca coñecida coma "Terreo de Don Paco", abicado na entrada de Fisterra, na Avenida da Coruña, a escasos metros do mar. A finca, onde até fai ben pouco había uns eucalitos de bastante antigüidade, foi limpada recentemente e parece ser que nela se vai construir unha urbanización ou algo semellante. Espero que esta información sexa froito das malas linguas, porque non esquezamos que o terreo é propiedade da familia do difunto Francisco Esmorís-Recamán, á cal pertence o tenente de alcalde: Santiago Ínsua. Isto fainos pensar ata onde poden chegar os intereses económicos e como poden afetar á nosa vila.
Nesta entrada gustaríame facer unha crítica construtiva. Alén de atacar á xestión municipal, creo que é responsabilidade de tódolos fisterráns o propoñer ideas para que se vexa que temos claro o que queremos, e inda que saibamos que todo vai caer en saco roto. Por iso vou propoñer dez medidas relacionadas con aspetos fundamentais para a nosa vila que o goberno municipal debería levar a cabo para termos unha Fisterra mellor, para vivir, para visitar... para disfrutar, en definitiva.
1. Cultura: A construción dunha casa da cultura perfílase coma fundamental e urxente, inda que semella que o Partido Popular está a inorar este feito. Non podemos seguir organizando os poucos eventos culturais que temos no faro ou na aula de pesca. De seguro que a construción (ou habilitación) dun espacio deste tipo favorecería que se levara a cabo un incremento cualitativo e cuantitativo das atividades culturais e de lecer na nosa vila.
2. Medio ambiente: Deixando á parte a xestión urbanística, é preciso que o Concello revalorice o noso inabarcable patrimonio natural e paisaxístico. Protexer as dunas de Mar de Fóra foi un bó primeiro paso, pero debe evitarse que prosigan certas atividades "terroristas" contra este fermoso e importante espacio dunar, coma os paseos en quad dos que todos somos coñecedores. Alén de todo isto, o Concello debería incrementar o número e a calidade dos miradores, merendeiros e áreas de lecer natural que posuímos, incluindo tamén nos roteiros turísticos información sobre a flora, a fauna e a paisaxe da Fin do Mundo.
3. Lecer: Fisterra conta cun gran número de festas dunha importancia fundamental para nós e para o turismo. Mentres se mima a Semana Santa, esquécese por completo o seu aspeto festivo. É preciso que a Comisión de Festas se preocupe por mellorar as Festas do Cristo, apostando polo que pode aportar á "marcha" fisterrana. Doutra banda, é asolutamente necesario realzar a Festa do Longueirón, case abandonada; ou o Carnaval. Alén disto, ten que incrementarse canto antes a promoción esterior destas tres citas culturais e festivas, dándoas a coñecer en FITUR e noutros medios. Atraer xente á vila nesas datas non só sinifica máis cartos, senón tamén que crece a importancia e a fachenda da vila, que boa falta fai.
4. Emprego: Está claro que a mellora das condicións do emprego e a redución do paro deben ir da man dun turismo que crece cada ano. É preciso contribuir á creación de postos de emprego no setor da hostelería e o control, por parte do Concello, para protexer ós empregados desta área dos abusos aos que habitualmente son sometidos. Por suposto, é importante fomentar a pesca de calidade, facer que sexa rentable para que a xente non a oserve coma un setor de segunda que constitúe o último recurso. Non esquezamos que Fisterra vivíu da pesca dende os albores da Historia, e non é o momento de darlle as costas: debe, sinxelamente, adatarse aos tempos.
5. Infraestrutura: Un dos puntos negros do goberno Traba. O paseo marítimo da Langosteira (a nosa praia máis importante) está feito un auténtico noxo, sen mantemento e nun estado lamentable. Igual comeza a sucederlle ao paseo marítimo de Corveiro e ás novas instalacións do Porto. Aquel espacio que construiron en torno á fonte da Mixirica co gallo das últimas elecións municipais agoniza entre herbas e toxos. O Concello debe preservar estas obras e poñelas en valor. Isto ademais crearía empregos na vila.
Unha das reclamacións clásicas da vila é o da creación de máis e mellores parques e xardíns para o disfrute dos veciños. Os pobres habitantes das Casas Baratas levan décadas coidando cunha ansia indomable aqueles pequenos xardíns, e gracias a eles a entrada na vila faise un pouco máis agradable. Tócalle ao Concello crear un bó xardín, e deixar de crear parques infantís de dubidosa seguridade nas aforas. Outra cousa tamén necesaria é a construción dun paseo decente que conduza ao Faro. Non é normal que o segundo lugar máis visitado de Galicia teña un aceso nesas condicións. Agora, ainda por riba, multan aos pobres xubilados por ir pasear ata Cabanas sen chaleco refletante. Francamente lamentable.
¡E fagan o favor de facer unha entrada decente á vila, que estamos a falar da Fin do Mundo! Merecemos unha primeira impresión dina, e a Crus de Baixar xa é unha boa axuda. Fisterra debería ter unha entrada que deixara aos turistas boquiabertos.
6. Turismo: Fisterra debe ver que as ganancias que se poidan oter polo turismo que estamos fomentando son temporais e limitadas. Provocará que a vila languideza durante os meses de inverno e fique abarrotada e asfisiada nos do estío. Os supermercados quedan baleiros e a basura amontónase en torno aos contenedores durante os meses de verán. Non se pode atraer un turismo masivo sen preparar a vila. Inda por riba o Concello desenténdese, non se preocupa por conseguir a bandeira azul, non señaliza as cousas como debe ser, alén de catro carteis que puxo na entrada da vila e descoida o mantemento das máis elementais infraestruturas turísticas. Debemos favorecer un turismo de calidade, mellorar a promoción do Camiño a Fisterra e facilitarlle-las cousas aos peregríns cunha maior información turística. ¿Como pode ser que non haxa unha oficina de información turística no Faro? Non podedes cargar á pobre Begoña do albergue con tantos miles de persoas: contraten xente, especialistas en turismo: así fomentaredes o emprego, xa de paso.
Doutra banda, Fisterra debe desligarse do Plan de Neria e embarcarse nun Plan de Escelencia Turística propio, ao estilo das vilas das Rías Baixas, presentándonos por separado en FITUR, e promocionándonos a nós mesmos e en arreglo aos nosos propios intereses. Alén diso debe promocionarse o feito de que Fisterra é Patrimonio Europeo, que semella que xa o esquecemos. Realzando a nosa figura no mundo gañaremos en número e calidade de visitantes. Só así conseguiremos poñernos ao nivel do número de visitantes que estamos a recibir.
7. Política territorial: Desligarse de Neria canto antes é estritamente necesario para a defensa dos nosos intereses. O que o Concello non pode permitir é que nos pisotee un compendio de vilas que, inda que irmás, teñen outros intereses que non se corresponden cos nosos. A pretensión do señor Ramón Vigo de afundir os intereses históricos da Vila do Cristo para declarar unilateralmente a Cée coma capital da Costa da Morte debe ser canto antes contrarrestada con tódalas armas das que poidamos dispoñer. O potencial histórico, cultural, natural e turístico de Fisterra debería ser suficiente para reclamarmos a capitalidade de Fisterra, e para xerar unha atividade económica que provoque unha eiva de gran profundidade na vila veciña. Fisterra é a capital histórica da Costa da Morte, e iso non o pode negar ninguén, pero é preciso aproveitarmos económicamente este feito para que outros non poidan "chupar do bote". Por iso é fundamental abandonar Neria canto antes e impedir que se aproveite do noso nome para realzar os intereses doutras vilas mentres nós agonizamos entre a basura e o fedor do turismo máis destrutivo.
8. Hixiene e sanidade: Outro dos puntos máis importantes é o da construción dun centro sanitario local. Todos sabemos as condicións nas que está o ambulatorio de Fisterra, pero semella que o Concello non fai máis que dar voltas, deixando pasar de longo o asunto. Vexamos como resulta isto.
Por suposto, creo que a limpeza é outra das clásicas entre as reclamacións dos fisterráns de a pé. Aquí é onde entran os máis que famosos escrementos caninos que lucen as nosas rúas. Se é que ao final vai ser que as cagadas dos cans fisterráns van superar en renome ao Faro. De tódolos xeitos, creo que nisto ten moita importancia tamén a conciencia dos fisterráns, que ás veces pasan un pouco de todo.
9. Urbanismo: despois da aprobación do PXOM, parece que o Concello insiste en deixar morrer o núcleo urbano fisterrán, desprazando ós turistas por unha circunvalación polas aforas que os leve diretamente ao Faro e fomente a urbanización das zonas prósimas a Mar de Fóra, unha das poucas que intentamos conservar. Débese levar a cabo tamén unha restauración urxente da reta da Anchoa, habilitando unha boa entrada á vila, rematando as obras de saneamento da zona e obrigando aos novos construtores a habilitar zonas verdes en torno ás urbanizacións, iluminando a zona, cunhas boas aceras e convertindo a Anchoa nunha zona residencial de calidade, agora que o mal xa está feito.
Alén diso, é preciso que se promova a restauración do Casco Histórico fisterrán, que é un dos mellores da Costa da Morte. Unhas boas subvencións farían maravillas, pero polo de agora semella que o Concello estase a interesar bastante polo asunto, polo menos se oservamos a pavimentación que levou a cabo nos últimos anos nalgunhas rúas do Campo e da Cerca. Debe poñerse en valor esta zona -a máis antiga e habitada e Fisterra-, darlle vida e promover un turismo que se interese por ela.
10. Patrimonio: Un dos puntos fortes dos últimos anos. É preciso presionar á nova Xunta para que continúen as escavacións no Promontorium Nerium (en San Guillermo e Vilar Vello, por exemplo), e habilitar esta zona para o disfrute dos fisterráns e dos turistas. Débense sinalizar os puntos importantes a nivel histórico, crear un centro de interpretación e un museo sobre a Historia fisterrana, impedir que as restauracións sobre a Igrexa de Nosa Señora das Areas sigan a destrozar a estrutura orixinal do edificio, poñer en valor conxuntos como a Capela de Nosa Señora do Bonsuceso, a Praia de Cabanas ou o Castro de Castromiñán, tan esquecidos pola administración. O Concello debe entender que sen o pasado, o futuro non ten sentido, e que nese senso debe orientar a súa política, algo que semella inorar a cotío.
En fin, os meus letores atoparan algunhas das propostas inecesarias ou pouco relevantes, e de seguro se lles ocurrirán outras mellores. A miña intención con esta entrada é dar a entender que faltan moitas cousas por facer, e que todas elas son básicas para que a Vila do Cristo non se vexa abocada a un negro futuro de marbellización masiva e a un esquecemento do que sinifica no mundo, e polo tanto á destrución da fachenda fisterrana que tanto nos carateriza.
Recemos para que, cos anos, todas estas cousas se vaian levando a cabo. O que está claro, e inda a risco de falar sen saber moi ben como é isto da política e a administración, é que se eu fora alcalde, nuns anos a Fisterra non a coñecía nin a nai que a paríu.




