
Vista de Fisterra dende San Martiño d'Arriba
Foto: Arquivo propio
¡E eu que pensaba que este ano íalles ser moi difícil atopar temas que criticar ás comparsas de Fisterra! Dende logo, co clima de optimismo que se vive actualmente no Partido Popular de Fisterra calquera diría que todo marcha sobre rodas na nosa vila:
- ¿Baixa o paro? En España incrementouse de maneira bárbara, pero en Fisterra non, aquí non temos paro, básicamente porque todo dios se larga da vila e se empadroa noutros lares e así é coma cadran as cifras. Pero iso sí, os que quedamos traballamos todos felices e contentos. Temos prazas de emprego para dar e regalar. Sobre todo no Concello.
- ¿Temos unha vila máis limpa e ordenada? ¡Claro que sí! A merda segue a acumularse nas esquinas e as praias e arredores están cheas de porcalladas os doce meses do ano, pero... ¡Que máis dá! O importante é o interior, e nós estamos todos limpísimos por dentro. Vamos, case diría que albos, arxénteos... ¡Prístinos! E sobre todo no Concello.
- ¿Está ben organizado o urbanismo da vila? ¡Faltaría máis! Mirade: na Anchoa as obras están todas paralizadas... a ver quen é o ghaupo que se queixa ahora de que lle molestan as obras. ¡Ah, bueno! Que as cunetas das Escaselas están todas furadas. Pero non pasa nada, eso é para traer o ghas siudá e máis o internés, que boa falta fai, nun pueblo tan aburrido coma o noso, chatear polo Messenger. Sobre todo no Concello.
- ¿Estamos xa desenrolados tenolóxicamente? ¡Home logho! ¡E lo'non vedes a xigantesca antena que recibe ao visitante na'máis baixar polo Cabo da Vila! ¿Iso que carallo é máis ca tenoloxía? Ademais, Fisterra foi un dos primeiros sitios de Ghalisia a donde chegou a TDT. ¿De que vos queixades? E ademais, Fisterra é a vila da Costa da Morte con máis coches de luxo. Abundan moitísimo nos aparcamentos do pueblo. Sobre todo no Concello.
- ¿Temos atividades culturais? ¡Por supuesto! Para algo temos unha mostra de artesanía que abre en pleno inverno, un carnaval de capa caída, unha festa do Linqueirón case inesistente e unha festa da xuventude donde reparten hamburguesas. E non nos esquezamos da Festa da Praia, total e asolutamente afundida pero... ¡para algho está ahí a chavalada toda do PP! ¡Para facer cultura! ¿Quen son os que levan os santos na Semana Santa máis que os rapaces do PP? ¿Os do Bloque e os de Boullosa? ¡Qui carallu van livar esis ateus! Porque que algo quede claro. Nesta vila somos todos moi católicos! Mira o noso alcalde fasendo de Jusé di Arimatea. ¡Que primor! ¡Que home tan piadoso! Iso demostra que Fisterra é moi cristiana. Sobre todo no Concello.
Pois iso, que con este panorama semellaba complicado que as comparsas que a finais deste mes sairán á Plaza a facer as súas parodias e a interpretar as súas coplas atoparan temas para criticar. Vamos, que case pensei que con tanta felicidade e benestar remataría o Entroido para sempre.
Pero non se preocupen os organizadores, que unha nova bastante negra ven a alegrarvos o día:
I é que La Voz de Galicia, co seu tradicional estilo demagóxico e manipulador, publicou esta semana a noticia alarmante de que o Faro de Fisterra reducíu en case un 60% as súas visitas no último ano. O periódico, moi na súa liña, cita espresamente que o Faro pasou a ser xestionado polo Concello recentemente, e subliña ademais as positivas cifras do Vilán (xestionado por Neria), que inda así non chegan nin á metade das visitas do Faro fisterrán. O que se esquece de mencionar o diario coruñés é se os outros lugares da Costa da Morte e de Galicia viron reducidas tamén as súas cifras. Pero iso non importa, o motivo de alegría para toda a comarca é que o noso faro perdera máis da metade das súas visitas, para gran alarma e vergoña. Sobre todo no Concello
O que sí se digna a mencionar o demagóxico periódico é que as visitas contabilizadas só son as que entran no edificio do Faro. Por outra banda, Santiago Ínsua -o que nos goberna mentres o alcalde vai facer campaña á Arxentina- asegura que revisará as cifras por se hai algún erro.
¡Carallo! ¡O que ten cú ten medo! ¿A que acojonan as cifras? Pois claro, home, pois claro. A ver que esperaban. Se o único para o que abrides o Faro en todo o verán é para poñer unha esposición de fotografías -doutra banda moi boas e de gran calidade- dese coñecido fotógrafo que fai paisaxes para os calendarios do Concello, a ver se pensabades que aquilo ía estar cheo a diario. Se lle sumamos o clima -estou vendo que esa vai ser gran escusa, esa máis a da crise-temos algo bastante lóxico. ¡E que con este clima tan cambiante! ¡E sobre todo no Concello!
Pero iso sí, que non se enganen os políticos e peperos varios. Temos sufrido veráns máis crudos ca este, i é normal que perdéramos visitantes co asunto da crise. ¡Pero un 57%!
Despois que veñan os mercenarios de turno a dicirnos que "todo bien y todo maravilloso".
Isto é un fracaso para a alcaldía, e como tal debe ser recoñecido. Todos cometemos erros. ¡Incluso os do PP! pero sempre se está a tempo de resarcirse. Resarcirse cunha política de turismo axeitada ó noso patrimonio cultural e artístico, relanzando o valor das nosas tradicións e das nosas festas, reparando e mantendo as infraestruturas para o turismo, loitando pola bandeira azul, convertendo o Faro nun lugar máis atrativo ainda se cabe, potenciando as escavacións no Promontorium Nerium, reparando a Anchoa e convertendoa nunha área residencial de calidade -agora que o mal xa está feito- en ves dese esperpento urbanístico que se está a realizar dende hai uns anos, e sobre todo favorecer A TODO O MUNDO para a implantación de empresas acordes -hostelería, restauración, turismo de aventura, turismo mariñeiro, etc.- que incrementen o turismo dun xeito cualitativo -e consecuentemente cuantitavo- e aseguren beneficios para a vila, e non para catro especuladores de Madrí.
Dende logo, non debe ser fácil gobernar unha vila, pero como xa tiven ocasión de dicirlle ao señor alcalde, unha maioría absoluta é un orgullo -"vamos a pola segunda" coma dicía un paleto/a anónimo/a na páxina de Modesto Fraga- pero tamén unha responsabilidade. E a min paréceme estupendo que o noso dirixente vaia a Arxentina a gañar votos -ao fin e ó cabo fano tódolos partidos- pero o que sí pido -e creo que coma fisterrán teño todo o dereito do mundo- é que loite dunha ves por todas por unha vila onde vivir mellor, onde poidamos desenrolar as nosas atividades -culturais, empresariais, vitais- dun xeito óptimo e sen sentir vergoña cada ves que o nome do noso pobo apareza no periódico. En fin, creo eu que tampouco é unha utopía. Trátase de poñerlle un pouquiño de cabeza e de sentidiño. Inda que claro, diso en Fisterra temos unha enorme carencia. Sobre todo no Concello.
Así que menos optimismo, que como xa dixen antes, todos temos cú e todos temos medo, e nada neste mundo é eterno. Nin sequera o PP.
En fin, coma dicía antes, xa tedes tema para o Carnaval. Inda que non sei por que me preocupaba tanto. Se é que na nosa vila temos escándalos e malas novas para dar e regalar. Sobre todo no Concello.

