29/06/09

Mar de Fóra, mellor praia de Fisterra







De entregármonos á morte
será na noite vermella do oeste
mentres no loiro horizonte
se abandone ó mar o esquecemento.
De entregármonos á morte
será na escura area,
nesta unha herdanza metálica
que nos alenta ó paso das mareas.
De entregármonos á morte
será en Mar de Fóra,
mentres fiquen as olladas no océano
e sangre de dor o horizonte.

Na enquisa proposta este mes en Naked 2.0, os internautas fisterráns elixiron a praia de Mar de Fóra como a mellor da Fin do Mundo. Moitos se decidiron por esas areas que gardamos na memoria dende nenos e que forman parte do noso bagaxe sentimental: Dalit vitaba pola Ribeira, a praia da vila e núcleo a partir do que creceu Fisterra; Petete e máis un servidor votaron por Corveiro, ese luminoso bico de area entre os acantilados que preceden á Igrexa do Cristo; mentres Ubaldo e algún outro votante elixiron a Talón pola súa inaccesibilidade (cada día máis relativa) e as súas insuperables vistas.
Así e todo, como era de xustiza gañou Mar de Fóra, quizais porque a pesares das últimas reformas que se levaron a cabo no seu entorno (protección das dunas, creación de miradores e dun paseo marítimo...) existe un esquecemento e un descoñecemento xeralizado que fan que moitos turistas e visitantes non a pisen por falta de indicación e información. Agora que xa está protexida e se van evitar os intentos de especular coas súas dunas, vai sendo hora de que se ensaie nela ese turismo que eu sempre reclamo: o turismo respetuoso, que disfruta do entorno natural e paisaxístico e que admira a esencia dos lugares nos que transita. E Mar de Fóra, no que respecta á esencia de Fisterra, ten moito que dicir. Modesto Fraga, ilustre visitante deste blogue, deixaba escrito no seu comentario: Eis a esencia viva da idionsicrasia fisterrana! Alí están a vida e maila morte, a luz e a sombra, todo e nada... Poderíase dicir que en Mar de Fóra acadamos coas mans a esencia mesma de Fisterra: o contraste que leva ao caos e á harmonía, esa loita elemental entre a vida e a morte da que tanto teño falado en Promontorium Nerium.
Ademais da súa enorme significación como elemento distintivo da costa fisterrana, Mar de Fóra ten un compoñente paisaxístico de primeira orde: presidida pola silandeira e contundente illa do Centolo pola súa cara Sur, e polo impoñente e carismático Cabo da Nave coa illa do Berrón como espolón de proa pola banda septentrional, a imaxe que se grava na nosa retina faise inesquecible. Se a iso sumamos a enorme riqueza natural do seu sistema dunar recorrido por varios manantiais e pintado cunha incrible fauna costeira (un auténtico tesouro agora protexido pola administración e en perigo por culpa dos quads), temos que Mar de Fóra é, obxetivamente, a nosa mellor praia, e a máis valorada se xulgamos os resultados da enquisa.
A esa maioría absoluta (53% dos votos) só se lle opoñen, en segundo lugar, Corveiro e Talón con dous votos cada un; e Rostro, Arnela e Langosteira con un. Semella que esta última, a nosa praia raíña, vai sendo desprazada por mor dos ataques que o turismo salvaxe teñen perpetrado sobre ela e o seu insustituible sistema dunar.
Esperemos que esta iniciativa servira para que se coñezan esas praias descoñecidas e, á par, para que se valore máis esa gran emperatriz das praias fisterranas que é Mar de Fóra, desde onde apenas se albisca a lus do día.

1 Abstraccións:

O Mouro disse...

Alégrome que gañara, é unha praia chea de lendas e misterios, naufraxios e un inmenso horizonte; que dende séculos non pasou desapercibido. Ten esa maxia fascinante que non é doado de explicar. Unha aperta, Xoán!!

Contador de visitas (dende o 11 de decembro de 2008)

mycheapflights