Imaxe da manifestación en defensa da lingua, esta mesma mañá.Fonte: Vieiros
Lingua sagrada,
de verbas arrincadas a pulso
da terra arrabuñada polo sacho.
Chovía hoxe en Santiago, como nas grandes ocasións. Recordo aquela grandiosa manifestación protestando pola xestión pepera durante a catástrofe do Prestige, alá no 2003. Tamén chovía. Pode que, despois daquela, a de hoxe fose a meirande resposta popular a un goberno en toda a nosa Historia, i é lóxico, pois como xa teño dito noutras ocasións, a lingua sí que é capaz de movilizarnos.
De 50.000 persoas fala a Mesa pola Normalización Lingüística -principal organizadora-, mentres El Correo Gallego reduce -como era de esperar- a cifra a 20.000. La Voz de Galicia prefire non dar cifras e refírese a "milleiros" de persoas. Na miña opinión, e como testigo presencial, situaría a cifra entre 30.000 e 40.000 persoas, a xulgar pola enorme e inacabable masa de persoas que percorreron as molladas rúas de Compostela. Para facerse unha idea, hai que dicir que cando a Praza da Quintana ficou chea, os organizadores anunciaron que ainda quedaban grupos por sair da Alameda, polo que é fácil imaxinar o entusiasmo que irradiaban as faces dos organizadores.
O de hoxe cheiraba a momento histórico, a un movemento popular case épico que quebrou tódalas estimacións de asistencia levadas a cabo por prensa e organizadores. No que todos concordabamos era en que a manifestación merecía o Obradoiro, pero imaxino que non lle chistaría moito ó concello que un grupo de subversivos molestara ós turistas, ó clero, ó pijerío do Hostal e ó reitor, persoas todas que de seguro ficaban moi ocupadas buscando a mellor maneira de traballar por Galicia e o seu pobo. A nós, como xa é costume, relegáronnos á parte de atrás.
O certo é que as cifras superaron por unha diferencia abismal a aquel insulto convocado por Galicia Bilingüe en febreiro deste mesmo ano. Supoño que esta non é a semana de Gloria Lago: primeiro Feijoo nomea a un conselleiro afín ao PSdeG e defensor da política normalizadora do anterior bipartito, e agora unha organización modesta como é a Mesa convoca unha manifestación que supera tódalas expectativas, co apoio de altos nomes da cultura, da política e da vida social. A diferencia é que eles contaron con Rosa Díez e Manuel Manquiña/Manuel Manquita como persoeiros principais. Na manifestación desta mañá puidemos ver a persoeiros como Xosé Manuel Beiras, Manuel Rivas, Camila Bossa ou Antón Reixa. Ademais, o palco da Mesa contaba con xente da altura de Teresa Moure, Yolanda Castaño, Nemesio Barxa, Mercedes Peón -que interpretou unha fermosa canción coa súa potentísima voz- e o gran Avelino Pousa Antelo, histórico do galeguismo que amosou que, con 95 anos, é capaz ainda de emocionar coa súa verba; e tan só con esta sinxela frase: "Gracias a xente coma vós Galicia non morrerá, e o idioma non morrerá". Esta emocionante alocución provocou a máis enfervorecida ovación no acto de clausura. Neste evento, onde o presidente da Mesa, Carlos Callón, amosou a súa ledicia pola acollida popular do seu movemento, leuse un manifesto pola convivencia lingüística, precedido por un intenso discurso do propio Callón. Coas súas verbas, o xoven lider da Mesa lanzou directas puñaladas ao corazón da política de San Caetano, empezando polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ao que acusou de demagóxico e mentireiro. Emprazouno a que se apropie da lingua propia do País, e ameazouno con novas movilizacións se porfía nas súas promesas galegófobas. Así e todo, o gran golpe foi contra Pilar Farjas, conselleira de sanidade, á que chamou "analfabeta" mentres o groso da manifestación berraba a coro "dimisión, dimisión". Atacou tamén a toda a caterva política autonómica, entre a que se contan cinco conselleiros que non saben fala-lo galego. Callón rematou o discurso cun elocuente "¡Viva Galiza, e viva o galego!", seguido dunha interpretación do Himno Nacional coreada por toda a emocionada masa de asistentes.
O gran mérito da manifestación, na miña opinión, foi o de poñer a cada quen no seu lugar. Ata o de agora, os lambenalatas de Galicia Bilingüe e os seus papis políticos: o PP e UPyD principalmente, tíñanse apropiado dun discurso que por natureza nos corresponde: verbas como libertade, imposición, respeto, dereitos humanos, etc. foron tomadas por eles e empregadas sen escrúpulos cando a nós nos corresponde pedir libertades, loitar contra a imposición, e esixir o respeto ós dereitos humanos. Nesta concentración, co seu discurso simple e case inocente, a Mesa e as ducias de milleiros de participantes devolveron as cousas ó seu sitio: somos nós as víctimas, somos nós os que sufrimos -coma sempre- as inxustizas do españolismo; somos nós, en definitiva, os galegos e galegas que defendemos a nosa lingua, porque o precisa, porque é nosa e non dos políticos de San Caetano. Acúsanos Feijoo de apropiarnos da lingua. Pois sí, apropiámonos dela, porque é nosa, porque nós a creamos ó longo dos séculos, porque vivimos nela e porque, sinxelamente, a falamos. Que os políticos da Xunta afasten as súas suxas mans do idioma, pois visto o visto nada bó se fai cando eles se achegan. As cerca de 50.000 persoas que hoxe berramos algo tan sinxelo, tan básico, tan elemental como "na Galiza en galego" non somos unha minoría. Minoría son as escasas 3.000 persoas que conseguiu reunir Galicia Bilingüe traendo autobuses de media España.
Vivimos a cotío co medo a que se reduzan os nosos dereitos lingüísticos, co temor a que chegue un día no que xa ninguén nos responda na nosa lingua, sendo contestados a cada paso que damos polos gallegos de gazpacho y flamenquito que desprezan o que teñen de seu e se avergoñan de ser galegos. ¡Que se vaian! Pero na Galicia, en Galego, con maiúsculas.
Por iso eu fun hoxe á manifestación convocada pola Mesa, porque considero que a loita polo idioma -unha loita básica, intuitiva case- non debe perder nin un ápice de forza, e menos nun intre no que a lingua fica ameazada por galegófobos urbanitas, folclóricos de Luar, paletos manipulados pola dereita, e burócratas incompetentes de tódolas cores políticas. ¡Que vergoña que teñamos que saír á rúa a defender o noso idioma! ¡Que vergoña que a base fundamental sobre a que se sustenta a nosa cultura fique en perigo por culpa dos propios galegos!
Hoxe démoslles unha lección a GaBi e a Madrí. Démoslle unha lección á Xunta, a un presidente que di que estudar en galego é sinónimo de fracaso escolar. Démoslles unha lección a tódolos inimigos do idioma e da cultura galega. E por unha vez, ainda que só sexa unha, sentín fachenda do meu país; sentinme feliz de ser galego. Porque, coma dixo Avelino Pousa hoxe na Quintana baixo o contundente son das badaladas da Catedral, "Galicia non morrerá, e o idioma non morrerá".
2 Abstraccións:
cada vez que me paraba a mirar a tropa que levaba diante e detrás aumentaba a miña esperanza...
de repente, todo comezaba a coller sentido...
tamén a min me recordou ás manifestacións de Nunca Máis. De feito, moitos dos que loitamos entón estivemos hoxe presentes...E seguiremos aí, para construír un país máis libre.
UNIÓN E FORZA, CAMARADA!.
Unha aperta!
Que gran manifa no VERDADEIRO DÍA DA PATRIA GALEGA. Artístas, lingüístas, políticos de calidade e 95 primaveiras, compartíron o mesmo chan e os mesmos berros co povo loitador en defensa da nósa língua. Todo ísto, na Quintana (qué paradóxico) e baixo a mesma chuvia de sempre. Foi un día magnífico! Unha aperta!
Enviar um comentário