
Momento da espetacular atuación dos Preghaseiros sen Fronteiras,
gañadores do Carnaval de Fisterra 2009.
Foto: www.quepasanacosta.com
O do martes foi un deses Entroidos que vai ficar esquecido na memoria dos fisterráns. I é que alén do baixo nivel do que fixeron gala a gran maioría das comparsas, as favoritas amosaron un espetáculo correto pero para nada á altura do que levan feito nos anos anteriores. Se a isto lle sumamos os fallos ténicos que tivemos que sufrir, e a polémica decisión do xurado... temos un Carnaval mediocre de todo punto.
Desta volta, o gran premio foi caer, unha ves máis, na comparsa dos Preghaseiros sen Fronteiras, polo que xa se pode dicir que nos atopamos ante un grupo consagrado e xa clásico no noso Entroido. Levan participando unha morea de anos, e sempre que o fixeron levaron algún premio. Se despois de dúas vitorias consecutivas lograron o ano pasado o terceiro premio, desta volta recuperaron unha hexemonía que vai ser moi difícil de arrebatar.
Como xa espliquei no meu blogue sobre a Historia de Fisterra, os Preghaseiros teñen unha historia tan polémica coma vitoriosa, e duns anos para aquí son a comparsa fisterrana que máis triunfa nas vilas da redonda: Cée, Dumbría, Mazaricos... A moita xente de Fisterra poden non gustarlles, pero dende logo está claro que á maioría da Costa da Morte chíflalles o seu estilo glam e o desparpajo co que traballan sobre a zona acotada.
En fin, que postos a facer unha crónica deste Entroido fisterrán 2009 teño que destacar o caráter transitivo da festividade deste ano. Semella que se está a operar un cambio no noso Carnaval, algo que, coma destaquei en Promontorium Nerium, acontece aprosimadamente cada dez anos. Semella que nestes novos tempos se lle está a restar importancia á parodia, sobre todo pola influencia das comparsas estranxeiras. Por exemplo, deste ano tivemos só dúas parodias, e unha delas cunha elaboración moi sinxela. Esperemos que non se perda este importantísimo aspeto do noso Entroido, pois sen el, posiblemente xa non sería nin a metade de interesante do que foi nestes últimos vinte anos.
O concurso de comparsas do pasado martes, o vixésimo na Historia da vila, comezaba con case media hora de retraso, algo habitual e que até os mesmos fisterráns esperaban, a xulgar pola cantidade de xente que seguía chegando co concurso xa empezado. Cando deu comezado, a xente arremuiñábase nas escasas cadeiras e espacios libres. Nos edificios circundantes, a xente apretábase nas fiestras, e os rapaces aproveitaban até os árbores para poder ver. O certo é que desta volta a xente reclamou máis en serio ca nunca a necesidade dunhas sinxelas gradas de madeira, inda que se teña que corta-lo tráfico, para que todo o mundo -ou polo menos a maioría- poida por fin ver o Entroido, e non só escoitar. O certo é que neste 2009 puidemos ver unha afluencia de público sen igual. Posiblemente, esteamos ante o ano con máis asistencia, pero ese dato estouno a dar a ollo. Dende logo, só se pode ver máis xente reunida na Praza o día de Venres Santo, no momento do Encuentro.
Logo da letura das bases polo noso cómico Xermán, vestido cun maxestuoso atuendo de época, chegou o turno de presentar ó xurado, composto, coma tódolos anos, por membros da prensa da comarca: Rafael Lema (Diario de Bergantiños), Eduardo Eiroa (La Voz de Galicia), Pepe Formoso (Radio Nordés), Ubaldo Cerqueiro (quepasanacosta.com), e Jesús Trillo (El Correo Gallego). A continuación, o tradicional discurso en verso do alcalde, José Manuel Traba, onde fixo fincapé nalgúns aspetos do ano. Especialmente relevante foi a súa crítica aos fisterráns e fisterranas pola cantidade de escrementos caninos que se poden achar polas rúas. Así mesmo, deixou claro que estaba listo para soportar estoicamente todo o que lle ía vir enriba, e insinuou que prefería as críticas do Entroido ás que recibía a diario da corporación municipal.
Tras este tradicional comezo, principiou o concurso coa participación dos rapaces da comparsa Os Cachondos de Dumbría. A súa atuación estivo marcada pola sobriedade e a inesperiencia no que ó Entroido fisterrán se refire. A vestimenta simulaba os traxes típicos andaluces, e os bailes intentaban tamén semellarse ó folclore andaluz. Transmitían a sensación de que o escenario lles quedaba un pouco grande, i é que ao mellor non esperaban tanta xente ao seu redor. En fin, a súa atuación foi corta: bailaron varias coplas andaluzas e incluso se atreveron a cantar unha canción sobre temática da vila. O nivel foi moito máis baixo do que as comparsas dumbriesas nos teñen acostumado. Desta volta non tivemos con nós á xa amiga Buxantes Calidade, que preferíu participar en Cée. Unha lástima.

Momento da atuación dos Cachondos de Dumbría, que só otiveron
o cuarto premio no Entroido de Fisterra 2009.
Foto: www.quepasanacosta.com
O mellor da atuación dos Cachondos foi o discurso que pronunciou unha rapaciña: unha apoloxía do Entroido, e un agradecemento á entrega dos fisterráns ao seu Carnaval. A pesares de todo, non acadaron máis que o cuarto posto e o acesit de 300 €uros.
Logo tocoulle á gran favorita deste ano, A Galería, dirixida por Roberto X. Traba Velay. Era a máis nutrida, cunha representación que recordaba aos grandes tempos do Entroido. A maioría era xente nova, polo que a retranca estaba asegurada. Entraron na zona acotada a ritmo de Queen, e desenrolaron unha pulidísima parodia, de onde sairían o rei e a raíña do Entroido. A súa representación foi moi na liña de Roberto: un casting de superheroes para intentar acadar un posto de traballo no Concello (e non rascar bola no resto da súa vida). Deste xeito, tódolos integrantes tiveron o seu intre de gloria, pois todos tiveron que falar ou cantar para un "xurado" formado, entre outros, por un imitador de Boris que provocou as gargalladas do público.
A pesares deste argumento tan elaborado, da personalidade dos protagonistas, o emprego de fogos artificiais e un final abrumador que consistíu nunha parodia da Resurrección da Semana Santa fisterrana con fogos, palomas, aleluias e demais, só acadaron o segundo posto. I é que desta volta Roberto foi moi criticado, entre outras cousas, por falar de xente da vila non ligada á política, ou de criticar de xeito direto á comparsa rival, os Preghaseiros, chegando a insinuar que un dos seus líderes era tamén beneficiario dos favores do Concello. Está claro, de tódolos xeitos, que a Galería fixo a mellor parodia, pero quedouse curto na posta en escena, faltoulle moita gracia -a parodia era bastante descafeinada- e dende logo a fiereza non foi o aspeto máis destacable das letras das súas coplas.

Atuación da comparsa A Galería, que se ben otivo o segundo premio,
acadou para sí os galardóns de rei e raíña do Entroido de Fisterra 2009.
Foto: Arquivo propio
Dende logo, merecían gañar tanto coma os Preghaseiros, pois foi a única parodia medianamente decentiña, pero hai que dicir, en favor do xurado, que a posta en escena, alén dos fogos de artificio, foi bastante a destempo e non alentou a festa nas bancadas.
En terceiro lugar entraron na zona acotada o Sétimo de Cabalería, que viñan de Ponteceso. A ritmo de trompetilla, entraron na Praza máis dunha ducia de cabalos de fermosísima planta, nobres coma eles solos, e que fixeron a delicia dos rapaces. Non atuaron, e limitáronse a dar a volta á Praza e marchar. Iso sí, colleitaron un gran aplauso que se transformou en gargallada cando o público se deu conta de que un dos equinos deixara o seu regalo en forma de escremento no medio da Praza. Tivo que entrar o barrendeiro, Manolo, a limpalo, colleitando tamén unha estrondosa ovación. Quedaron no último posto, pois ainda que os disfraces eran bos e a posta en escena de seguro sumou algún punto, sen parodia nin coplas, é moi difícil -por non dicir imposible- gañar no Entroido de Fisterra.
Logo tocoulle ós grandes rivais da Galería, a outra comparsa autótona: os Preghaseiros sen Fronteiras, xa todo un clásico e gañador dous anos, alén de ter colleitado outros premios na vila e no esterior. A súa pretensión era facer unha imitación do musical de ABBA.
O comezo foi francamente apoteósico, a escuras, cunhas bancadas a diferentes alturas para simular un escenario de musical, e cun foco que se movía coma dende unha grúa. Pola escena desfilaron decenas de persoas de diferentes idades, cunhas coreografías espetaculares, unha posta en escena brutal e unhas cantas letras interesantes. Iso sí, a parodia quedouse un pouco curta, pois ainda que fixo algo de gracia e dixo algunhas verdades que se lle escaparon á Galería, tiña máis a apariencia dun monólogo.
Digamos que non conseguíu desenrolar un argumento consistente, senón que baseou a súa atuación no aspeto de musical que amosaban. Ademais, non foron escesivamente duros co Concello, inda que deixaron ben claros algúns dos aspetos escuros da xestión deste ano (Na igrexa, se entras pola capela do Cristo parece do século XII, se entras polo atrio, parece o Carrefour). Así e todo centráronse especialmente en criticar ó lider do PSOE fisterrán, Juan Boullosa, ao cal lle adicaron unha peculiar versión do anuncio das muñecas de Famosa. Desgraciadamente, sufriron un dos fallos ténicos cando no medio dunha coreografía saltou toda a complexa maquinaria e quedaron a escuras e sen son. A pesares diso, mentres se reparaba o asunto, tiveron folgos para cantar a pelo e intentar que a festa non decaera. Inda que non empregaron fogos de artificio, senón que se limitaron a uns cantos canón de confeti, fixeron sen dúbida a atuación máis espetacular, máis movida e máis festeira do ano, polo que obtiveron o primeiro premio e puideron desquitarse co seu gran rival, a Galería.

Un dos intres do "musical" que montou a comparsa Preghaseiros sen Fronteiras
para ledicia de fisterráns e visitantes.
Foto: Arquivo propio
Finalmente, tocoulle o turno á comparsa das Madáns e Galáns de Traba (Laxe) que viñeron cuns traxes típicos da súa zona e detrás dos cales, como nos revelou unha rapaciña con moito carisma, había un gran traballo de estudio etnográfico. Interpretaron varias coplas típicas da súa zona e mesmo de Fisterra acompañados cunhas pandeiretas, e otiveron o terceiro premio. Dende logo, o xurado valorou o traballo daqueles rapaces e o seu compromiso coa tradición, pero festa, o que se di festa, moita non fixeron. Máis ben, o público abandonou a Praza en bandada, tanto polo aburrido da atuación, como polo frío e o cansanzo que tiñan soportado estoicamente os que estaban de pé, que eran a inmensa maioría. A pesares de todo, é moi encomiable a labor destes rapaces e rapazas que sacaron do esquecemento as tradicións da súa zona e se atreveron a amosalas por toda a comarca.
Tivo que ser moi difícil para o xurado outorgar o primeiro premio desta volta, pois tanto a Galería coma Preghaseiros estaban praticamente á mesma altura. Finalmente, os membros do xurado decidiron que o gañador 2009 foran os Preghaseiros, pola súa chispa natural e o seu gran sentido da escenografía. Cando se anunciou o gañador, escoitáronse multitude de abucheos, que semella que remataron con algún que outro altercado. Sobre todo cando o líder dos Preghaseiros dixo unhas palabras no micrófono, burlándose da Galería e devolvéndolles a pelota que estes lles lanzaran cando o criticaran na súa parodia. Por sorte, non aconteceu nada escesivamente grave, pero isto amosa a gran tensión e rivalidade do noso Entroido, unha tensión que se ve no alto nivel das comparsas fisterranas fronte ás foráneas que, sobre todo este ano, non acadan nin de lonxe a altura dos grupos locais.
Eu creo que se está a xestar un cambio no noso Entroido, un cambio que vai deixando atrás moitas comparsas. Disque este ano ía volver participar a lexendaria comparsa dos Rombos, pero non acadaron o número de persoas suficientes. Eu espero que nesta nova etapa do Carnaval que está a cristalizar teñan tamén cabida comparsas coma os Rombos ou a Galería, pois das súas depuradas parodias e das súas mordaces coplas depende o futuro deste tradición tan nosa, que a pesares dos seus vinte anos, ten a honra de ser o Entroido máis tradicional da Costa da Morte.
Sen máis, unha petición sincera á Vila do Cristo:
outros vinte aniños máis, por favor... outros vinte aniños de Entroido de Fisterra.
4 Abstraccións:
so din a miña opinion respecto o Carmen,que haxa mais o menos xente non ten que ser mellor ou pior,tamen conta o sentimento e a espiritualidade de cada persoa...son opinions,sen mais, e diferentes puntos de vista.E xa falando do entroido,alegrome dese primer e segundo premio para os nosos.os piques entra as duas comparsas forman parte da festa,eso si,o de llegar as mans e o insulto...feo moi feo. Saudos dende logroño.
Gracias por deixar tamén a túa firma neste blogue.
Tes toda a razón do mundo. O único que quería dicir -e que con razón non me comprendiches, porque ás veces nos comentarios un escribe con presa- é que desgraciadamente unha festa coma a do Carme -sen dúbida a máis espiritual e sentimental, coma ti dis, das que xurdiron de Fisterra- ven de ser esquecida ano tras ano polo goberno, a parroquia e os fisterráns en xeral. Agora que xa non se pode facer a procesión polo mar, que xa non se fai a ofrenda á patrona na plaza, e que cada ves menos xente acode a estes atos,... o único que queda é a fermosa procesión do Carmen, na que nin sequera se escoitan as sereas dos barcos ou da lonja cando baixa pola estatua do emighrante. Unha lástima, pero esperemos que algun dia se recupere.
E respeto ao carnaval, eu prefiro ver o lado positivo e a grandeza do espetáculo que se montou que, se ben non foi tanto coma o doutros anos, é un paso máis para que non se rompa a cadea, porque unha cousa está clara... coma se deixe de organizar un ano... adeus para sempre ao noso Entroido.
Sen mais, gracias polo teu comentario e saudos dende Fisterra para a capital do mellor tinto do mundo.
non é para nada comparable, porque en Muxía o "gran festival" é un palco que ameaza con derrubarse nada máis pisalo e amigos que concursamos pola carallada de ir despois de cea e de pasalo ben.
Pero este ano a nosa ..."comparsa", non, o noso "especimen espectacular estraño" foi nefasto...
Aínda así, como na categoría de comparsa eramos os únicos...houbo cea e carallada...
Unha aperta, Xoán!
Visto asi que triste non?e que tamen sin a procesion por mar..xa nin me acordaba delo.A veces vivo dos recordos do pasado e inenudiblemente non e asi,o tempo pasa,a xente cambia..e a morriña non se vai. PD:donde este un bo Ribeiro ou Alvariño que se quiten todos os rioxas,crianzas,reservas e gran reservas je je
Enviar um comentário