
Parece que os anos non pasan sobre algúns. Despois de 18 anos sen pisar un escenario, os integrantes do conxunto folk Fuxan os Ventos volveron esta fin de semana a actuar para Galicia na Sala Brage do Auditorio de Galicia.
Nun evento perfectamente organizado e con aires de gran gala, os cantantes e músicos deste mítico grupo contaron coa colaboración de figuras tan importantes no folk actual como Uxía Senlle ou Mercedes Peón. Interpretaron un popurrí coas súas cancións máis emblemáticas. Esas mesmas que, dende fai máis de tres décadas, forman parte de acervo cultural do noso pobo tanto como as cantigas máis populares. A Carolina, Sementeira, Cantiga de Berce, Meu amor é mariñeiro, etc. son cancións inolvidables que poidemos desfrutar os máis novos, os que non vivimos aqueles tempos nos que Fuxan era o grupo más importante do folk galaico.
Non hai dúbida de que o conxunto é un grupo fundacional, o que creou o folk tal e coma o entendemos hoxe, e velos no escenario tantos anos despois, en persoa eles mesmos, e co Auditorio cheo a rebosar é un luxo inolvidable.
Ademais, a calidade musical mellorou notablemente gracias aos arreglos orquestrais e á edición máis modernizada dos temas.
A todos nos gustaría que o grupo volvera ás andadas coma antes, pero polas palabras de Tareixa á entrada do concerto, non parece que sexa eso o que aconteza polo de agora.
Iso sí, foi unha ocasión inolvidable e única para velos en acción, coma antes, e para demostrarnos que a música folk está de moda coma nunca, en parte grazas a eles. Porque coma dixo Marica Campo nun dos videos expostos no espectáculo, un pobo sen cancións, é un pobo sen futuro.
E dende logo, Fuxan é á música galega o que Rosalía foi á literatura.