19/11/08

Unha Fisterra mellor



Estiven a ler, nalgúns blogues amigos, queixas ante tanta desidia e esquecemento na nosa Fisterra. Para moitos, a xestión da corporación Traba está a provocar desastres a moitos niveles, xa non tanto no que se refire á urbanización da vila (tema á parte e tratado dabondo) senón falando da calidade de vida dos propios fisterráns: suciedade, ausencia ou deterioro de servicios fundamentais, averías, feísmo, etc. etc. etc.
Na práctica, o gran erro da corporación é a falta absoluta de sensibilidade ante os pequenos detalles. Son xente demasiado pragmática e non se preocupan por cousas que, aos seus ollos, 
semellan superfluas: xardíns, farolas, barandillas, beirarrúas, firme das estradas...
En fin, que o problema é que non lles parecen cousas o suficientemente importantes como para preocuparse por elas.
Tamén é certo, doutra banda, que á xente que se posiciona en contra do alcalde gústanos moito criticar, pero non axudamos nadiña. Así que aí van unhas cantas suxerencias:

1. O importante non é só construir xardíns, plazas ou poñer adoquíns. Tamén é fundamental o acabado, porque en Fisterra non parece importar que queden pegotes onde se misturou o cemento, que se planten flores e non se poña céspede, para deixar que crezan as malas herbas libremente, que se deixen cousas sen pintar, zonas sen pavimentar, etc.
2. Sen un mantemento, é imposible que as cousas se manteñan fermosas nunha vila con tanto encanto. Se non se coidan os xardíns, non se reparan as farolas rotas e as árbores partidas, se non se repara o pavimento e se deixa que os toxos sumerxan os paseos marítimos non vale de nada construir cousas útiles.
3. A entrada á vila é a primeira impresión do visitante. É necesario explotala, preparala e decorala como ningunha parte da vila.
4. A fachada marítima de Fisterra sería unha das máis fermosas da Galicia se estivera restaurada: as galerías dos altos e estreitos edificios a só uns metros do mar serían unha gran demostración de arquitectura popular marítima se funcionaran correctamente as axudas para a restauración das vivendas do casco histórico. Veremos como vai co novo PEPRI, recén aprobado polo pleno.
5. Explotar o casco histórico é fundamental. Debe delimitarse, sinalizarse, restaurarse e, se fora posible, convertelo en zona peatonal. O concello debe planificar unha correcta habilitación da zona e explotala turística e económicamente.
6. Recentemente visitei Santa Trega, e pensei que o que fixo o concello da Guarda naquel monte é un exemplo perfecto de como habilitar e explotar un promontorio que, coma o noso, ten un gran significado símbolico e arqueolóxico, unhas vistas impresionantes e moitísimas visitas ó ano. Nós deberiamos preparar o Promontorio Nerio (Facho e San Guillermo) para o turismo: rutas, merendeiros, casetas informativas, habilitación das escavacións en San Guillermo, miradores, aparcamentos, restauración e ampliación da carretera do faro, etc.
7. Sinalizar a vila tamén é fundamental, sobre todo en zonas que se teñen abandonadas neste senso, coma o Val de Duio.
8. O paseo marítimo da Langosteira está completamente abandonado, non só durante o inverno, senón durante todo o ano. Se non hai un mantemento... ¿Como pretendemos ter a bandeira azul?

Podería sacar centos de suxerencias máis, pero estas parecéronme as máis fundamentais.
En fin, que todo esto caerá en saco roto, pero póñoo aquí coma reflexión: Fisterra é un diamante en bruto que hai que saber pulir. Os detalles son importantes e valóranse moito no día a día. Queda moito que facer, pero hai que ter valor para comezar, e unha vez que se faga tamén é fundamental que os propios fisterráns poñan da súa parte para loitar contra a suciedade e para conservar as cousas que se fan.
Ahí quedan as ideas.

1 Abstraccións:

Modesto Fraga disse...

Moi bo post, amigo Xoán. Lástima que as ideas construtivas, por desgraza, non sexan ben recibidas polos oídos xordos dos "nosos" mandamaises.
"Fisterra é un diamante en bruto", dis con toda a razón. O malo é que, desde hai uns anos, está desgobernada por outros brutos, que non son diamantes precisamente. Unha cousa é vivir para Fisterra e outra vivir de Fisterra. Velaí a diferenza. Que cada quen tire as súas propias conclusións.

Contador de visitas (dende o 11 de decembro de 2008)

mycheapflights